Benvid@s ao CRD da Coruña

Saúda

Mª Isabel Pastoriza Facal

Directora do Centro Residencial Docente da Coruña

Benvidos á páxina Web do Centro Residencial Docente de A Coruña, pertencente á Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria.

Como Directora e en nome de todos/as os/as que formamos parte da Comunidade Educativa, quero saudarlles e desexarlles que a información que se facilita a través desta páxina, sexa do seu interese.

Quero aproveitar este espazo para dar a coñecer o centro e todo aquel labor que facemos para adecuarnos ás novas esixencias e retos que nos propoñemos cada ano.

Para levar a cabo este proxecto contamos con persoal docente cualificado para a atención personalizada, así como con servizos e instalacións adecuadas para as necesidades do alumnado.

Somos un Centro Residencial para estudantes de bacharelato, ciclos medios, superiores e universitarios, que cursan os seus estudos fóra da súa localidade. Ademais de manutención e aloxamento, favorecemos as relacións entre alumnos/as de distinta idade e procedencia, así como a adquisición e/ou o reforzo de valores esenciais para a convivencia:

– Potenciamos a transmisión de valores de tolerancia e a cooperación; a educación en igualdade e o respecto ao medio ambiente.
– Fomentamos a aprendizaxe cooperativa, a capacidade crítica, así como a autonomía persoal e a autoestima.
– Actuamos ante calquera forma de violencia ou conduta discriminatoria fronte ás diferenzas.

Para rematar, e co fin de estimular e motivar o uso adecuado do seu tempo libre e de lecer, o noso centro programa cada curso distintas actividades que poidan ser de interese para o noso alumnado, (charlas interactivas, concursos, competicións deportivas, exposicións temáticas, entre outras)

Mª Isabel Pastoriza Facal